Limiar

Limiar

Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal...

martes, 22 de xaneiro de 2019

Premiados no noso "I Concurso de contos que meten medo 2018"


Iniciamos neste curso 2018-2019 esta nova actividade que, esperamos, veña para ficar connosco durante moito tempo. Así pois, a respecto deste "I Concurso de contos que meten medo", en que houbo unha importante participación de alumnado de primeiro e segundo ciclo da ESO, é mester que se diga que foi un rotundo éxito. Contos arrepiantes a esgalla aos que foi necesario entrar con prevención, pois aínda agora nos fan estremecer de só pensalo. Mais houbo que botarlle valor e démonos á súa lectura. Iso si, cos ollos ben abertos, sempre alerta por se... En fin, que finalmente, e despois de estabelecidas dúas modalidades (isto é, un único premio para cada un dos ciclos), resultaron gañadores: 


- Paula López Mella, de 1ºESO A, para o primeiro ciclo, co relato "O instituto de Canido dá medo".
- Andoni López Vilar, de 3ºESO B, para o segundo ciclo, co relato "A casa de Redes". 

Velaquí os tendes... por se vos queredes atrever: 
O

O INSTITUTO DE CANIDO DÁ MEDO





O edificio foi erixido sobre o antigo cemiterio da cidade. Ademais, aquí houbo moitos fusilamentos na Guerra Civil e nos muros pódense ver os buratos das balas perdidas. Os construtores non sabían nada diso e, nun mal día, decidiron facer un instituto ao que chamaron a Filial. Os estudantes tiñan moito medo e contaban que nas noites de Samaín aparecían pantasmas, momias, zombies, esqueletos… Era horripilante! Todos os anos pasaba o mesmo. Ningún dos estudantes de 2º, 3º e 4º ESO, 1º e 2º de BAC aparecían polo centro no día de Samaín, pero os de 1º da ESO, que non o sabían, cando chegaban levaban un susto de morte. 

Agora xa é o IES Canido pero podemos ver as lápidas do que fora o antigo cemiterio e conta a lenda que seguen a acontecer cousas paranormais. As instalacións conservan ese aire “vintage”, temos un montón de paredes fendidas e cheas de gretas, goteiras, os azulexos dos baños recordan os dos antigos hospitais, vai moito frío… 

Cando veñades ao noso instituto, tede coidado!! Moito coidado!!! As bruxas, pantasmas, momias, zombies, esqueletos… pódenvos comer. 


Paula López Mella, 1ºESO A



A CASA DE REDES


Á altura do outono do dous mil sete, na vila de Redes houbo un caso especial. Un home que vivía só nunha casa, que tiña fama de maldita, desapareceu inesperadamente. Pasado un tempo, os veciños falaron co Concello para poñer á venda a mansión posto que o home non tiña herdeiros e non querían que a casa, moi ben situada na vila, caese por causa do abandono. O concello contestou que si.

Un ano despois, un grupo de rapaces da Coruña repararon na existencia desta mansión e decidiron mercala; estaban cansos da cidade e mudáronse moi rápido.

Ao chegaren, os rapaces estaban encantados; a vila era bonita, a mansión enorme e os veciños moi amables. O único era que sempre lles dicían que a casa estaba maldita e falaban da desaparición dun home nela. Os novos veciños pensaron que eran simples supersticións e lerias e continuaron felices coa mudanza. 

Xa entrada a noite do primeiro dos días que pasaban na casa decidiron irse a durmir pois estaban moi cansos da mudanza. Durmían, cando o son dunha campá espertounos e os rapaces estrañados erguéronse e foron ver de onde viña o son. Foron ao salón e, alí, viron a un home moi pálido que sostiña unha cruz e unhas siluetas encarapuchadas detrás del. As badaladas soaban cada vez máis forte e o ambiente cheiraba a candea. 

Presa do medo, os rapaces decatáronse de que a Santa Compaña atravesaba a súa casa e, sen pensalo dúas veces, correron e correron e nunca xamais volveron a pisar Redes. 



Andoni López Vilar, 3º ESO B












Ningún comentario:

Publicar un comentario