Limiar

Limiar

Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal...

luns, 18 de decembro de 2017

Recreos Literarios




Os Recreos Literarios son xa un clásico dentro do programa da nosa biblioteca. Nove anos consecutivos avalan o que estamos a afirmar. Durante o curso pasado (2016-2017) foron realizados seis recreos literarios, cuxas reunións tiveron unha periodicidade de unha ou dúas veces por mes, durante os dous recreos do día escollido. A colaboración coa comunidade escolar é fundamental para que poidan ser levados a cabo. Tanto nos textos escollidos como na lectura en voz alta, dita colaboración é básica. Profesorado e alumnado son actores a partes iguais neste exercicio. Así pois, durante a primeira avaliación no curso pasado, o medo foi o tema escollido. Seis contos populares, acompañados de cadansúa ilustración, fixeron parte desta actividade anual. 

 Agora, xa neste curso 2017-2018, novamente o medo ocupou os nosos recreos literarios de cada quinta-feira (xoves) deste primeiro trimestre. Os nosos clásicos, con Rafael Dieste —"Sobre da morte do Bieito", "Espanto de nenos e "O neno suicida"— e Vicente Risco —"O lobo do home"—, un grande descoñecido, como é o caso do médico e humanista, Roberto Nóvoa Santos —"A santa compaña"— ou un conto do noso profesor e tamén escritor, Henrique Dacosta —"A batalla das Medorras"— foron o motivo para a lectura nos nosos Recreos Literarios. Contaron coa animación dun importante número de alumnos que, agardamos, continúen co mesmo entusiasmo polo menos para o seguinte trimestre, agora cunha nova temática.  

Limiar



Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal como cabería esperar. Con todo, non é o ánimo o que nos falta, por máis que poida parecer o contrario. Mais problemas relacionados coa posta en funcionamento, catalogación de libros, creación de Recreos Literarios e demais teñen conseguido ralentizar un pouquiño máis da conta o inicio deste noso blog, ao cal pretendemos dedicarlle a partir de agora unha maior atención. 

En fin, vaia desde aquí este noso saúdo cordial. Con desexos de moitas e felices lecturas a partir deste instante. 

Ah! E non deixedes de nos facer as vosas suxestións.