Limiar

Limiar

Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal...

xoves, 8 de novembro de 2018

Bibliopuntos de Navegantes






Neste curso escolar, 2018-2019, queremos animar o alumnado a participar nas actividades desenvolvidas no centro e desde a biblioteca queremos tamén premiar os alumnos/as que colaboran. Cando participan por primeira vez nunha actividade entregaráselles unha cartilla en que irán recibindo selos ou bibliopuntos e a medida que vaian facendo as actividades propostas recibirán máis selos. Cando completen a cartilla, ao final de curso recibirán un pequeno agasallo.




Concurso de contos que meten medo






Animamos o alumando a facer unha pequena redacción que fale dalgunha historia que de verdade lle metese medo ou que invente o se propio conto. Os textos poderán entregarse na biblioteca ou a través da direción:

               biblionavegantesblog@gmail.com


Por cada relato entregado obterase un bibliopunto e o gañador recibirá un pequeno agasallo.

 


Xa van chegando contos...



Samaín






Como cada ano, o alumnado e o profesorado trae cabazas ao centro para celebrar o Samaín. Tamén empregamos as cabazas do propio horto do IES Entre todos, baleiramos e imaxinamos no que se poden converter estas cabazas. Uns pensan en pantasmas, outros en noivas cadáveres, caveiras... e intentan facelo realidade. É moi bo que non se perdan estes costumes.
Os gañadores este curso foron Borja Laplaña, Laura Romero e Juan Jiménez coa súa cabaza nº 10.




Muro no I.E.S. Canido





Como actividade de fomento da lectura, puxemos na entrada do IES un taboleiro en que imos poñendo e renovando textos tipo: frases, pensamentos, crítica social, intelixencia emocional, para aprender e reflexionar, citas célebres, imaxes ou textos humorísticos... É como unha rede social compartida en formato papel mediante a cal podemos rir, soñar, imaxinar, reflexionar, pensar, discrepar...
No segundo trimestre, o alumnado, profesorado e personal do centro que queira participar pode deixar a súa proposta na biblioteca e, así, confeccionar novos murais entre todos.



mércores, 7 de novembro de 2018

Décimo ano dos Recreos Literarios


No pasado curso, 2017-2018, fíxose o décimo aniversario dos "Recreos Literarios" da Biblioteca Navegantes. Con vento en popa, a navegación seguiu a ser favorábel desde que iniciamos a nosa singradura dez anos atrás, aínda que non debemos obviar como por veces ten xurdido algunha que outra dificultade por repentinas marusías de diversa natureza, as cales, sen dúbida ningunha, soubemos ir capeando. 

Así pois, e centrándonos xa no traballo desenvolvido neste ano, temos que dicir que o primeiro trimestre foi dedicado aos contos de medo e de Nadal, o segundo ás lendas islandesas (recollidas por Skúli Gíslason) e o terceiro a contos e lendas do mundo. Fágase notar que a participación do alumnado se foi consolidando ao longo do curso, así como o seu interese. Parafraseando o noso Cunqueiro logo, fagamos votos para que (cando menos) haxa outras dez primaveras máis para os Recreos Literarios da Biblioteca Navegantes. Mal investimento non será, dígase de paso, que os vaiamos facendo así de ben, isto é, de dez en dez.   

O Apalpador polo Nadal



Seguindo co noso traxecto lector dos Recreos Literarios, completamos o primeiro trimestre do curso 2017-2018 con lecturas axeitadas ao tempo en que estabamos a punto de entrar. Estámonos a referir ao Nadal. A figura do Apalpador non podía faltar, de aí que fose un dos principais elementos a destacar, dado ser unha figura mítica do noso acervo popular, asentado sobre todo na Galiza máis oriental. Xa que logo, deunos para falar acerca desta figura, tamén coñecido noutros lugares próximos a nós, se ben con outras denominacións, como o Olentzero en Euscadi, o Tió de Nadal en Cataluña, L'Anguleru en Asturias ou o Tientepanzas en Écija. Así mesmo, fíxose alusión ao arquicoñecido Papá Noel, facendo fincapé na idea das súas orixes, e á indumentaria, que foi mudando ao longo do tempo —de verde para vermello por influxo da Coca Cola—, e de autores clásicos como Dickens e os seus Contos de Nadal, de tan ampla difusión literaria e, sobre todo, cinematográfica, principalmente a través dos debuxos animados de Walt Disney.