Limiar

Limiar

Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal...

martes, 9 de febreiro de 2021

Eu, un pirata moderno

 


Os meus compañeiros e mais eu tirabamos das cordas para izar as velas. Tiña o corazón a cen por hora. Esta era a miña primeira vez nunha nave tan importante como aquela. Aquí só estaban os mellores piratas do mundo, os xefes dos sete mares. Todos eles eran fortes e tiñan parches nos ollos ou patas de pau. Eu non era así, non era forte e tiña os dous ollos e as dúas pernas. Sendo sincero, non sabía por que estaba alí, só que recibira unha invitación do capitán para formar parte da súa tripulación. Estaba decidido a pescudar a causa da súa invitación. Non eran as miñas habilidades nin a miña experiencia a razón.

 

Pasaron os días entre os bambeos do barco no mar ata que unha mañá escoitamos un berro:

—Terra á vista! Terra á vista!

Corremos cara á proa do barco e alí estaba: unha fermosa masa verde de terra.

Cando chegamos preto da costa, baixamos nas balsas á praia. Aínda que descoñecía o meu papel no equipo, compartía a emoción dos meus compañeiros. O tesouro tiña que estar preto. Entón produciuse outro berro, pero esta vez os demais non podían escoitalo.

—A cear! —dixo a voz da miña nai.

—Xa vou! —contestei-.

Cunha gran dor, pechei o libro e coloqueino no estante. Seguía coa intriga de saber por que o invitara ao barco e, aínda que eu non era o pirata, sentíame como se o fose. Como se eu fose unha especie de pirata moderno.

 


                                                                         Ángela Monteagudo León