Limiar

Limiar

Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal...

xoves, 31 de xaneiro de 2019

Concurso "Gremio de Mareantes" (1)



Onte, o mareante Dentefanado estivo contemplando a seguinte placa conmemorativa, da cal tirou esta foto. Onde cres que estivo? Se o xulgas oportuno, consulta na biblioteca do instituto o manual Ferroláns na Historia da Literatura Galega (834/DAC/fer). E é que, como ben sabes, todo esforzo ten a súa recompensa. 



SOLUCIÓN: 

Trátase da casa natal de Xosé Fontenla Leal, localizada na praza da Tafona de Canido, ao inicio da rúa da Estrela, en Ferrol. Xosé Fontenla Leal, sendo un rapaz de catorce anos, emigrou a Cuba e traballou de litrógrafo na Habana. Alí, axiña, tomou contacto coa colectividade galega e foi tomando conciencia de arredor dese grupo de persoas, así como de intelectuais galegos (Manuel Murguía, Curros Enríquez...) que visitaban a capital antillana. De feito, foi un dos impulsores de que a Real Academia Galega se chegase a fundar, ao mesmo tempo que se sumou á necesidade de que Galiza posuíse un himno apropiado que a representase e de que contase cunha bandeira. Foi tamén promotor na construción do espléndido Centro Galego da Habana, da "Revista Galicia" e, igualmente, grazas a el foron editadas moitas obras importantes da nosa literatura. En definitiva, Xosé Fontenla Leal foi un benfeitor das nosas letras e galeguista convicto.      

Unha de piratas





Unha pirata moderna 


Blake colocou correctamente os seus lentes na recta ponte do seu nariz. Fixouse en que o teclado e a pantalla estivesen aliñados e no seu lugar. Preparou os programas e códigos necesarios e puxo mans á obra. 

Os seus dedos movíanse rapidamente pulsando teclas e movento o rato; parecía que xa sabía o que tiña que facer para conseguir o seu obxectivo. Copiou códigos, abriu ventás, repasou números… 

Ao cabo de dez minutos tiña aberta a base de datos do banco. Buscou a lapela co nome de Janson Cooper. Pasou o diñeiro da súa conta para unha co nome de Dana Johnson en Suíza e apagou o ordenador. Recostouse na cadeira de oficina e sorriu sutilmente. 

Por fin Janson tivo o seu merecido, como moitos outros homes. 



Alba Díaz-Caneja López, 2ºESO A




Unha de piratas




Eu, unha pirata singularmente actual 


Ola, son Nina. Teño dezaseis anos. Debería cursar cuarto da ESO, pero xa acabei a universidade porque son “superdotada”, ou algo así. Vouvos dicir a verdade. Non me sinto diferente nin superior aos demais e é por iso polo que me gustaría seguir en cuarto, mais miña nai, que é unha entremetida, obrigoume. Ódioa, estou farta de que ande a dicir que son mellor ca os demais, cando non é así. Por iso fíxenme pirata. Non unha pirata desas que andan todo o día cun parche nun ollo, non, eu son unha pirata informática. Sei que parecerá estraño a primeira vista, eu, unha cativa de dezaseis anos, dezaseis anos!, sendo pirata informática, pero é así. 

Dedícome a facer cousas como arranxar virus que andan nas páxinas web, non a facer maldades desas que fan outros, porque aínda que soe raro que facendo todo o que podo facer me dedique a arranxar erros e dese tipo de cousas, eu divírtome e, aínda encima, axudo aos demais. E así quedamos, pois voume que xa está lista a cea. Abur! 



Nicolas Tajes Goyanes, 2ºESO B


mércores, 30 de xaneiro de 2019

Dentefanado: concurso "Gremio de Mareantes"


Iniciamos este mes de febreiro (o do refrán, certo, "febreiriño curto cos seus días vinte e oito, se durase máis catro, non ficaba can nin gato") con renovadas forzas desde a nosa querida Biblioteca. Desta vez, dando forma a un novo concurso. Nel poderás medir a túa destreza no (re)coñecemento dos lugares, pois diso mesmo se trata, de saber cal é o lugar que a nosa estimada e máis afamada mariñeira, a mareante Dentefanado, visitou e fotografou. 


Para accederes ao concurso, isto é, para participares, só tes que facer a consulta no noso blog e responderes a través do noso correo electrónico, biblionavegantesblog@gmail.com, ás preguntas formuladas sobre as fotografías. Quen acumule máis puntos, obterá, como xa sabedes, a súa recompensa. Así pois, e para aqueles que aínda non estades familiarizados cos nosos bilbiopuntos, só tendes que consultar pinchando na etiqueta Noticias, na entrada "Bibliopuntos de Navegantes". 

En suma, iremos pendurando semanalmente unha serie de fotografías pertencentes a lugares visitados pola nosa intrépida mareante Dentefanado. Só tes que averiguar de que lugar se trata; canto máis especifiques, digas con máis concreción, expliques o que se che pide para ampliares, irás conseguindo puntos. Ou sexa, a maior cantidade de puntos acumulados, maior contía deles terás e, deste modo, máis facilmente poderás obter un premio. 

Ánimo pois. Avante e a toda máquina! Eis todo un mundo por descubrires! 
  

martes, 29 de xaneiro de 2019

Unha de piratas








"Eu, un pirata moderno" 



Chámome Marcos. Xa de pequeno tiña pena polas persoas pobres, sen fogar, sen comida, que non tiñan tanta sorte coma min; cunha familia, cunha casa, con todo o que necesitaban. 

Cando fixen os dezaoito anos seguía tendo a mesma pena, ou máis, por esas persoas. 

Todos os domingos ía ao mercado; sen que ninguén se decatase, roubaba algunha barra de pan ou algún outro alimento, e dáballelo ás persoas sen cartos. Eles chamábanme “o noso pirata moderno”. Así ata que fixen os vinte e sete anos. Ese mesmo día, cando facía “a miña tarefa”, que así o chamaba eu, esa mesma mañá de primavera descubríronme roubando unha mazá, colléronme e metéronme no cárcere, acusándome por roubar; pero iso non é o que máis me molestou, senón o simple feito de acusarme por axudar a subsistir a outros. 





Ana Muñoz Lage 2º ESO





venres, 25 de xaneiro de 2019

Fotografías do que finalmente foi o noso instituto

Antigo cemiterio de Canido (1963)



Espléndida fotografía pertencente a OLLAR GALICIA. FOTOGRAFÍA ANTIGA, de Sánchez Arrabal, e baixada co permiso dos amigos da "Esquina de Canido". Nun primeiro plano vemos o antigo cemiterio, aínda non totalmente desmantelado, coa enseada da Malata á dereita (pódese ver que xa existía a estrada que comunicaba con Montecoruto e a Cabana) e a propia Cabana de fronte. Ademais diso, coa curiosidade de estar todo nevado. 

Equipo de fútbol das Casas da Mariña (1975)


Na foto deste vello equipo, de que fago parte, pódese observar o primitivo edificio do que era a Filial, o muro do que hoxe é a ala nova do IES Canido e o terreo de barro que actualmente ocupa a pista polideportiva (patio) do noso centro. 






martes, 22 de xaneiro de 2019

Premiados no noso "I Concurso de contos que meten medo 2018"


Iniciamos neste curso 2018-2019 esta nova actividade que, esperamos, veña para ficar connosco durante moito tempo. Así pois, a respecto deste "I Concurso de contos que meten medo", en que houbo unha importante participación de alumnado de primeiro e segundo ciclo da ESO, é mester que se diga que foi un rotundo éxito. Contos arrepiantes a esgalla aos que foi necesario entrar con prevención, pois aínda agora nos fan estremecer de só pensalo. Mais houbo que botarlle valor e démonos á súa lectura. Iso si, cos ollos ben abertos, sempre alerta por se... En fin, que finalmente, e despois de estabelecidas dúas modalidades (isto é, un único premio para cada un dos ciclos), resultaron gañadores: 


- Paula López Mella, de 1ºESO A, para o primeiro ciclo, co relato "O instituto de Canido dá medo".
- Andoni López Vilar, de 3ºESO B, para o segundo ciclo, co relato "A casa de Redes". 

Velaquí os tendes... por se vos queredes atrever: 
O

O INSTITUTO DE CANIDO DÁ MEDO





O edificio foi erixido sobre o antigo cemiterio da cidade. Ademais, aquí houbo moitos fusilamentos na Guerra Civil e nos muros pódense ver os buratos das balas perdidas. Os construtores non sabían nada diso e, nun mal día, decidiron facer un instituto ao que chamaron a Filial. Os estudantes tiñan moito medo e contaban que nas noites de Samaín aparecían pantasmas, momias, zombies, esqueletos… Era horripilante! Todos os anos pasaba o mesmo. Ningún dos estudantes de 2º, 3º e 4º ESO, 1º e 2º de BAC aparecían polo centro no día de Samaín, pero os de 1º da ESO, que non o sabían, cando chegaban levaban un susto de morte. 

Agora xa é o IES Canido pero podemos ver as lápidas do que fora o antigo cemiterio e conta a lenda que seguen a acontecer cousas paranormais. As instalacións conservan ese aire “vintage”, temos un montón de paredes fendidas e cheas de gretas, goteiras, os azulexos dos baños recordan os dos antigos hospitais, vai moito frío… 

Cando veñades ao noso instituto, tede coidado!! Moito coidado!!! As bruxas, pantasmas, momias, zombies, esqueletos… pódenvos comer. 


Paula López Mella, 1ºESO A



A CASA DE REDES


Á altura do outono do dous mil sete, na vila de Redes houbo un caso especial. Un home que vivía só nunha casa, que tiña fama de maldita, desapareceu inesperadamente. Pasado un tempo, os veciños falaron co Concello para poñer á venda a mansión posto que o home non tiña herdeiros e non querían que a casa, moi ben situada na vila, caese por causa do abandono. O concello contestou que si.

Un ano despois, un grupo de rapaces da Coruña repararon na existencia desta mansión e decidiron mercala; estaban cansos da cidade e mudáronse moi rápido.

Ao chegaren, os rapaces estaban encantados; a vila era bonita, a mansión enorme e os veciños moi amables. O único era que sempre lles dicían que a casa estaba maldita e falaban da desaparición dun home nela. Os novos veciños pensaron que eran simples supersticións e lerias e continuaron felices coa mudanza. 

Xa entrada a noite do primeiro dos días que pasaban na casa decidiron irse a durmir pois estaban moi cansos da mudanza. Durmían, cando o son dunha campá espertounos e os rapaces estrañados erguéronse e foron ver de onde viña o son. Foron ao salón e, alí, viron a un home moi pálido que sostiña unha cruz e unhas siluetas encarapuchadas detrás del. As badaladas soaban cada vez máis forte e o ambiente cheiraba a candea. 

Presa do medo, os rapaces decatáronse de que a Santa Compaña atravesaba a súa casa e, sen pensalo dúas veces, correron e correron e nunca xamais volveron a pisar Redes. 



Andoni López Vilar, 3º ESO B