No pasado curso, 2017-2018, fíxose o décimo aniversario dos "Recreos Literarios" da Biblioteca Navegantes. Con vento en popa, a navegación seguiu a ser favorábel desde que iniciamos a nosa singradura dez anos atrás, aínda que non debemos obviar como por veces ten xurdido algunha que outra dificultade por repentinas marusías de diversa natureza, as cales, sen dúbida ningunha, soubemos ir capeando.
Así pois, e centrándonos xa no traballo desenvolvido neste ano, temos que dicir que o primeiro trimestre foi dedicado aos contos de medo e de Nadal, o segundo ás lendas islandesas (recollidas por Skúli Gíslason) e o terceiro a contos e lendas do mundo. Fágase notar que a participación do alumnado se foi consolidando ao longo do curso, así como o seu interese. Parafraseando o noso Cunqueiro logo, fagamos votos para que (cando menos) haxa outras dez primaveras máis para os Recreos Literarios da Biblioteca Navegantes. Mal investimento non será, dígase de paso, que os vaiamos facendo así de ben, isto é, de dez en dez.