Neste curso escolar, 2018-2019, queremos animar o alumnado a participar nas actividades desenvolvidas no centro e desde a biblioteca queremos tamén premiar os alumnos/as que colaboran. Cando participan por primeira vez nunha actividade entregaráselles unha cartilla en que irán recibindo selos ou bibliopuntos e a medida que vaian facendo as actividades propostas recibirán máis selos. Cando completen a cartilla, ao final de curso recibirán un pequeno agasallo.
Limiar
Limiar
Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal...
xoves, 8 de novembro de 2018
Bibliopuntos de Navegantes
Neste curso escolar, 2018-2019, queremos animar o alumnado a participar nas actividades desenvolvidas no centro e desde a biblioteca queremos tamén premiar os alumnos/as que colaboran. Cando participan por primeira vez nunha actividade entregaráselles unha cartilla en que irán recibindo selos ou bibliopuntos e a medida que vaian facendo as actividades propostas recibirán máis selos. Cando completen a cartilla, ao final de curso recibirán un pequeno agasallo.
Concurso de contos que meten medo
Animamos o alumando a facer unha pequena redacción que fale dalgunha historia que de verdade lle metese medo ou que invente o se propio conto. Os textos poderán entregarse na biblioteca ou a través da direción:
biblionavegantesblog@gmail.com
Por cada relato entregado obterase un bibliopunto e o gañador recibirá un pequeno agasallo.
Samaín
Como cada ano, o alumnado e o profesorado trae cabazas ao centro para celebrar o Samaín. Tamén empregamos as cabazas do propio horto do IES Entre todos, baleiramos e imaxinamos no que se poden converter estas cabazas. Uns pensan en pantasmas, outros en noivas cadáveres, caveiras... e intentan facelo realidade. É moi bo que non se perdan estes costumes.
Os gañadores este curso foron Borja Laplaña, Laura Romero e Juan Jiménez coa súa cabaza nº 10.
Muro no I.E.S. Canido
Como actividade de fomento da lectura, puxemos na entrada do IES un taboleiro en que imos poñendo e renovando textos tipo: frases, pensamentos, crítica social, intelixencia emocional, para aprender e reflexionar, citas célebres, imaxes ou textos humorísticos... É como unha rede social compartida en formato papel mediante a cal podemos rir, soñar, imaxinar, reflexionar, pensar, discrepar...
No segundo trimestre, o alumnado, profesorado e personal do centro que queira participar pode deixar a súa proposta na biblioteca e, así, confeccionar novos murais entre todos.
mércores, 7 de novembro de 2018
Décimo ano dos Recreos Literarios
No pasado curso, 2017-2018, fíxose o décimo aniversario dos "Recreos Literarios" da Biblioteca Navegantes. Con vento en popa, a navegación seguiu a ser favorábel desde que iniciamos a nosa singradura dez anos atrás, aínda que non debemos obviar como por veces ten xurdido algunha que outra dificultade por repentinas marusías de diversa natureza, as cales, sen dúbida ningunha, soubemos ir capeando.
Así pois, e centrándonos xa no traballo desenvolvido neste ano, temos que dicir que o primeiro trimestre foi dedicado aos contos de medo e de Nadal, o segundo ás lendas islandesas (recollidas por Skúli Gíslason) e o terceiro a contos e lendas do mundo. Fágase notar que a participación do alumnado se foi consolidando ao longo do curso, así como o seu interese. Parafraseando o noso Cunqueiro logo, fagamos votos para que (cando menos) haxa outras dez primaveras máis para os Recreos Literarios da Biblioteca Navegantes. Mal investimento non será, dígase de paso, que os vaiamos facendo así de ben, isto é, de dez en dez.
O Apalpador polo Nadal
Seguindo co noso traxecto lector dos Recreos Literarios, completamos o primeiro trimestre do curso 2017-2018 con lecturas axeitadas ao tempo en que estabamos a punto de entrar. Estámonos a referir ao Nadal. A figura do Apalpador non podía faltar, de aí que fose un dos principais elementos a destacar, dado ser unha figura mítica do noso acervo popular, asentado sobre todo na Galiza máis oriental. Xa que logo, deunos para falar acerca desta figura, tamén coñecido noutros lugares próximos a nós, se ben con outras denominacións, como o Olentzero en Euscadi, o Tió de Nadal en Cataluña, L'Anguleru en Asturias ou o Tientepanzas en Écija. Así mesmo, fíxose alusión ao arquicoñecido Papá Noel, facendo fincapé na idea das súas orixes, e á indumentaria, que foi mudando ao longo do tempo —de verde para vermello por influxo da Coca Cola—, e de autores clásicos como Dickens e os seus Contos de Nadal, de tan ampla difusión literaria e, sobre todo, cinematográfica, principalmente a través dos debuxos animados de Walt Disney.
mércores, 31 de outubro de 2018
O Samaín nos recreos literarios
Os recreos literarios son xa todo un clásico dentro das actividades da nosa Biblioteca. Levamos unha decena de anos realizando estas reunións lectoras e, a verdade, sempre cunha resposta destacábel entre o alumnado. Cómpre dicir, claro está, que este é preferentemente da ESO. Os do primeiro curso, acabados de chegar ao centro, son en moitas ocasións os máis receptivos, se ben o noso propósito radica en tentar fidelizar esa rapazada co fin de que os recreos literarios se poidan ver prolongados durante toda a súa vida escolar no instituto. Somos tamén conscientes de que isto non é tarefa sinxela, pero é o noso reto. Alén diso, non debemos esquecer que se trata dunha actividade formativa que lles (nos) achega un enorme desfrute e, sobre todo, unha apertura de miras e mundos que, dalgún xeito, talvez nos faga un pouquiño mellores e quen sabe se máis sabios.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
-
Os males da envexa Marisa fuxía, temía pola súa vida, corría como nunca antes o fixera. Tiña medo de que os seus secuestadores estiv...
-
Fíxate ben que pon á esquerda da casa pintada de verde. Resultarache familiar, polo menos o nome. É ou non é? O caso é que a nosa pirat...
-
Os sucesos do 22 Sorprendeume escoitar o pitido do antigo teléfono fixo. Había anos que non me chamaban a ese número, máis ou menos de...













