Limiar

Limiar

Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal...

Amosando publicacións coa etiqueta Canteira de escritores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Canteira de escritores. Amosar todas as publicacións

martes, 9 de febreiro de 2021

Eu, un pirata moderno

 


Os meus compañeiros e mais eu tirabamos das cordas para izar as velas. Tiña o corazón a cen por hora. Esta era a miña primeira vez nunha nave tan importante como aquela. Aquí só estaban os mellores piratas do mundo, os xefes dos sete mares. Todos eles eran fortes e tiñan parches nos ollos ou patas de pau. Eu non era así, non era forte e tiña os dous ollos e as dúas pernas. Sendo sincero, non sabía por que estaba alí, só que recibira unha invitación do capitán para formar parte da súa tripulación. Estaba decidido a pescudar a causa da súa invitación. Non eran as miñas habilidades nin a miña experiencia a razón.

 

Pasaron os días entre os bambeos do barco no mar ata que unha mañá escoitamos un berro:

—Terra á vista! Terra á vista!

Corremos cara á proa do barco e alí estaba: unha fermosa masa verde de terra.

Cando chegamos preto da costa, baixamos nas balsas á praia. Aínda que descoñecía o meu papel no equipo, compartía a emoción dos meus compañeiros. O tesouro tiña que estar preto. Entón produciuse outro berro, pero esta vez os demais non podían escoitalo.

—A cear! —dixo a voz da miña nai.

—Xa vou! —contestei-.

Cunha gran dor, pechei o libro e coloqueino no estante. Seguía coa intriga de saber por que o invitara ao barco e, aínda que eu non era o pirata, sentíame como se o fose. Como se eu fose unha especie de pirata moderno.

 


                                                                         Ángela Monteagudo León

 


xoves, 28 de xaneiro de 2021

Contos policiais: Ángela Monteagudo León (2ºESO A/B)

 


Os males da envexa

 

Marisa fuxía, temía pola súa vida, corría como nunca antes o fixera. Tiña medo de que os seus secuestadores estivesen a perseguila, mais non sabía o que acontecería ao xirar a seguinte esquina do edificio. Ao facelo, encontrouse nun canellón sen saída. Unha única persoa se achaba nel. Marisa recoñeceuna. Agradecendo a súa sorte por atoparse con alguén coñecido, acercouse. A persoa sostiña algo. Marisa non distinguía qué na escuridade. Levantou o obxecto e ela entón notou unha forte dor. Despois, todo se volveu negro.

 

Ao día seguinte, os axentes de policía atoparon o seu corpo sen vida e, ao seu lado, un coitelo. Marisa, unha modelo de fama internacional, levaba dous meses desaparecida. Segundo parecía, lograra escapar dos seus secuestradores; pero, ou estes volveron a encontrala ou ela atopara un inimigo peor. Sen saber como actuar, a policía contactou co detective Castellan, quen aceptou o caso de inmediato.

 

O primeiro que fixo Castellan foi informarse da vida da vítima e dos plans desta  para o futuro.

Marisa traballaba cunha axencia de modelos. Segundo o director desta, esta ía ser escollida como a modelo principal nun importantísimo desfile. Debido á súa desaparición, o seu posto fora asumido pola súa mellor amiga, quen estaba moi afectada pola súa morte.

O director tamén lle advirtiu que a empresa de modelos era un negocio moi competitivo.

O detective Castellan decidiu ir falar coa mellor amiga da vítima, a señorita Grace.

O señor Grace abriulle a porta e deixouno pasar.

A señorita Grace parecía verdadeiramente afectada, pero contestou todas as preguntas do detective. Díxolle que, como a axencia lle dera vacacións a todos os seus empregados, pasaba a maior parte do tempo na casa. Despois, a señora Grace, a súa nai, entrou no salón e o detective decidiu facerlle algunhas preguntas tamén.

—Coñecía á señorita Marisa?

—Claro, era a mellor amiga da miña filla e, aínda que ela non queira admitilo, tamén a súa rival —contestou, e engadiu con superioridade—. Ela nunca supuxo unha ameaza para a miña filla. Era moito máis fea e carecía de talento.

—Sabía que Marisa sería a estrela do desfile? —preguntou Castellan.

A señora Grace apertou os labios e contestou:

—O meu marido, que traballa na axencia, contoumo. Algunha pregunta máis?

Castellan negou coa cabeza e saíu do salón. O señor Grace acompañouno á saída. Antes de irse, o detective fíxolle unha última pregunta:

—Que facía vostede a noite do asasinato?

—Estaba traballando na axencia —contestou enfadado, e cerrou a porta.

Castellan foi de inmediato á comisaría. Descubrira o asasino.

Ao chegar, falou directamente co xefe de policía.

—O culpábel é a mesma persoa que mandara o secuestro de Marisa e, ao saber que escapara, decidira eliminala persoalmente. É unha persoa que me mentiu e non ten unha coartada. Alguén que non podería estar traballando, xa que a axencia lle dera vacacións a todos os empregados. Tiña envexa porque desexaba o posto de Marisa para a súa filla. O noso asasino é o señor Grace.

Contos policiais: Ángela Monteagudo León





Os sucesos do 22


Sorprendeume escoitar o pitido do antigo teléfono fixo. Había anos que non me chamaban a ese número, máis ou menos dende que abandonara o oficio de detective. Acerqueime ao aparello e descolguei.

Quen é? —preguntei.

Son o axente Willians. Chámoo por un caso que nos gustaría que aceptase —contestou unha voz grave.

Hai anos que non acepto ningún caso, señor Williams. Estou xubilado.

Aínda así, gustaríanos que o pensase —replicou; despois, preguntou—. Podería vir vostede á comisaría para falar connosco, se fose tan amábel?

Podería —aceptei.

Mañá ás cinco, entón. Moitas grazas —dixo, e colgou.

Deiteime intrigado e tardei en durmir.


Ás catro e media do día seguinte saín da casa para chegar puntual á comisaría.

O secretario pediume que pasase a un despacho. Neste, un home home fornido esperaba por min.

Bo día —saudou o axente Williams.

Cal é o caso que me ofrece? —dixen perdendo os modais a causa da curiosidade.

Escoitou falar vostede dos sucesos de cada 22? —preguntou.

Quen non? —contestei; e engadín emocionado—. É este o caso?

O axente sorriu, o que confirmou as miñas sospeitas.


Os días seguintes paseinos entre altas columnas de papeis coas que me documentaba acerca del. Este trataba dunha serie de atracos a un banco, producidos dende hai seis meses, o día 22 de cada un. Os roubos realizábanse sempre pola noite, cando só os gardas de seguridade estaban dentro. Despois de cometidos os dous primeiros, a policía perimetrara pola noite o banco, pero estes seguían producíndose. Os axentes aseguraban que ninguén entrara en ningún momento ao edificio. As cámaras de seguridade do interior non mostraban ningunha actividade inusal: só os gardas vixiando, camiñando polos corredores ou, nalgúns momentos, nunha pausa para iren aos servizos. O diñeiro roubado fora sempre das caixas fortes dos clientes máis ricos. E a única entrada a estas eran os condutos de ventilación.


O terceiro día de investigación, dei co culpable e acudín á comisaría para informar o axente Williams.

Quen foi? —preguntou cando entrei no seu despacho.

As contas baleiradas eran sempre dos clientes máis adiñeirados, o que significa que o ladrón coñecía a quen conviña roubar —empecei—. Tamén sabemos que ninguén entrou no edificio as noites dos atracos, o que significa que o ladrón xa estaba dentro —continuei—. E coñecemos que as únicas persoas gravadas polas cámaras son os gardas, os cales desaparecen da vista ao iren ao servizo. Paréceme un bo momento para entrar no conduto de ventilación e chegar ao diñeiro, no cre?


O axente mandou buscar na casa dos gardas e alí, como doutro modo non podía ser, atoparon o diñeiro. Eu, mentres, volvín á tranquilidade da miña xubilación.


xoves, 31 de xaneiro de 2019

Unha de piratas





Unha pirata moderna 


Blake colocou correctamente os seus lentes na recta ponte do seu nariz. Fixouse en que o teclado e a pantalla estivesen aliñados e no seu lugar. Preparou os programas e códigos necesarios e puxo mans á obra. 

Os seus dedos movíanse rapidamente pulsando teclas e movento o rato; parecía que xa sabía o que tiña que facer para conseguir o seu obxectivo. Copiou códigos, abriu ventás, repasou números… 

Ao cabo de dez minutos tiña aberta a base de datos do banco. Buscou a lapela co nome de Janson Cooper. Pasou o diñeiro da súa conta para unha co nome de Dana Johnson en Suíza e apagou o ordenador. Recostouse na cadeira de oficina e sorriu sutilmente. 

Por fin Janson tivo o seu merecido, como moitos outros homes. 



Alba Díaz-Caneja López, 2ºESO A




Unha de piratas




Eu, unha pirata singularmente actual 


Ola, son Nina. Teño dezaseis anos. Debería cursar cuarto da ESO, pero xa acabei a universidade porque son “superdotada”, ou algo así. Vouvos dicir a verdade. Non me sinto diferente nin superior aos demais e é por iso polo que me gustaría seguir en cuarto, mais miña nai, que é unha entremetida, obrigoume. Ódioa, estou farta de que ande a dicir que son mellor ca os demais, cando non é así. Por iso fíxenme pirata. Non unha pirata desas que andan todo o día cun parche nun ollo, non, eu son unha pirata informática. Sei que parecerá estraño a primeira vista, eu, unha cativa de dezaseis anos, dezaseis anos!, sendo pirata informática, pero é así. 

Dedícome a facer cousas como arranxar virus que andan nas páxinas web, non a facer maldades desas que fan outros, porque aínda que soe raro que facendo todo o que podo facer me dedique a arranxar erros e dese tipo de cousas, eu divírtome e, aínda encima, axudo aos demais. E así quedamos, pois voume que xa está lista a cea. Abur! 



Nicolas Tajes Goyanes, 2ºESO B


martes, 29 de xaneiro de 2019

Unha de piratas








"Eu, un pirata moderno" 



Chámome Marcos. Xa de pequeno tiña pena polas persoas pobres, sen fogar, sen comida, que non tiñan tanta sorte coma min; cunha familia, cunha casa, con todo o que necesitaban. 

Cando fixen os dezaoito anos seguía tendo a mesma pena, ou máis, por esas persoas. 

Todos os domingos ía ao mercado; sen que ninguén se decatase, roubaba algunha barra de pan ou algún outro alimento, e dáballelo ás persoas sen cartos. Eles chamábanme “o noso pirata moderno”. Así ata que fixen os vinte e sete anos. Ese mesmo día, cando facía “a miña tarefa”, que así o chamaba eu, esa mesma mañá de primavera descubríronme roubando unha mazá, colléronme e metéronme no cárcere, acusándome por roubar; pero iso non é o que máis me molestou, senón o simple feito de acusarme por axudar a subsistir a outros. 





Ana Muñoz Lage 2º ESO