Limiar

Limiar

Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal...

Amosando publicacións coa etiqueta Concurso "Gremio de Mareantes". Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Concurso "Gremio de Mareantes". Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de xaneiro de 2021

Contos policiais: Ángela Monteagudo León





Os sucesos do 22


Sorprendeume escoitar o pitido do antigo teléfono fixo. Había anos que non me chamaban a ese número, máis ou menos dende que abandonara o oficio de detective. Acerqueime ao aparello e descolguei.

—Quen é? —preguntei.

—Son o axente Willians. Chámoo por un caso que nos gustaría que aceptase —contestou unha voz grave.

—Hai anos que non acepto ningún caso, señor Williams. Estou xubilado.

—Aínda así, gustaríanos que o pensase —replicou; despois, preguntou—. Podería vir vostede á comisaría para falar connosco, se fose tan amábel?

—Podería —aceptei.

—Mañá ás cinco, entón. Moitas grazas —dixo, e colgou.

Deiteime intrigado e tardei en durmir.


Ás catro e media do día seguinte saín da casa para chegar puntual á comisaría.

O secretario pediume que pasase a un despacho. Neste, un home home fornido esperaba por min.

—Bo día —saudou o axente Williams.

—Cal é o caso que me ofrece? —dixen perdendo os modais a causa da curiosidade.

—Escoitou falar vostede dos sucesos de cada 22? —preguntou.

—Quen non? —contestei; e engadín emocionado—. É este o caso?

O axente sorriu, o que confirmou as miñas sospeitas.


Os días seguintes paseinos entre altas columnas de papeis coas que me documentaba acerca del. Este trataba dunha serie de atracos a un banco, producidos dende hai seis meses, o día 22 de cada un. Os roubos realizábanse sempre pola noite, cando só os gardas de seguridade estaban dentro. Despois de cometidos os dous primeiros, a policía perimetrara pola noite o banco, pero estes seguían producíndose. Os axentes aseguraban que ninguén entrara en ningún momento ao edificio. As cámaras de seguridade do interior non mostraban ningunha actividade inusal: só os gardas vixiando, camiñando polos corredores ou, nalgúns momentos, nunha pausa para iren aos servizos. O diñeiro roubado fora sempre das caixas fortes dos clientes máis ricos. E a única entrada a estas eran os condutos de ventilación.


O terceiro día de investigación, dei co culpable e acudín á comisaría para informar o axente Williams.

—Quen foi? —preguntou cando entrei no seu despacho.

—As contas baleiradas eran sempre dos clientes máis adiñeirados, o que significa que o ladrón coñecía a quen conviña roubar —empecei—. Tamén sabemos que ninguén entrou no edificio as noites dos atracos, o que significa que o ladrón xa estaba dentro —continuei—. E coñecemos que as únicas persoas gravadas polas cámaras son os gardas, os cales desaparecen da vista ao iren ao servizo. Paréceme un bo momento para entrar no conduto de ventilación e chegar ao diñeiro, no cre?


O axente mandou buscar na casa dos gardas e alí, como doutro modo non podía ser, atoparon o diñeiro. Eu, mentres, volvín á tranquilidade da miña xubilación.


mércores, 22 de maio de 2019

Concurso Gremio de Mareantes 2



     Esta presa ofrece fermosas fervenzas e foi construída en tempos de Alfonso XIII para darlle enerxía a unha Real Fábrica de Moedas. Recoméndovos facer esta ruta, que é descendente e fácil para os que non estamos moi acostumados a andar, a vexetación é fantástica, e por ela pasamos por muíños e demais construcións e industrias de carácter fluvial (presas, pontes,...).

a) De que presa e de que río falo? 
b) En que provincia galega estou?
c) Por que concellos pasa o río?
d) Á parte da fabricación de moedas e da fabricación de diversos materiais para a Armada, que outra industria se desenvolveu na zona?
e) En que ría desemboca?


xoves, 31 de xaneiro de 2019

Concurso "Gremio de Mareantes" (1)



Onte, o mareante Dentefanado estivo contemplando a seguinte placa conmemorativa, da cal tirou esta foto. Onde cres que estivo? Se o xulgas oportuno, consulta na biblioteca do instituto o manual Ferroláns na Historia da Literatura Galega (834/DAC/fer). E é que, como ben sabes, todo esforzo ten a súa recompensa. 



SOLUCIÓN: 

Trátase da casa natal de Xosé Fontenla Leal, localizada na praza da Tafona de Canido, ao inicio da rúa da Estrela, en Ferrol. Xosé Fontenla Leal, sendo un rapaz de catorce anos, emigrou a Cuba e traballou de litrógrafo na Habana. Alí, axiña, tomou contacto coa colectividade galega e foi tomando conciencia de arredor dese grupo de persoas, así como de intelectuais galegos (Manuel Murguía, Curros Enríquez...) que visitaban a capital antillana. De feito, foi un dos impulsores de que a Real Academia Galega se chegase a fundar, ao mesmo tempo que se sumou á necesidade de que Galiza posuíse un himno apropiado que a representase e de que contase cunha bandeira. Foi tamén promotor na construción do espléndido Centro Galego da Habana, da "Revista Galicia" e, igualmente, grazas a el foron editadas moitas obras importantes da nosa literatura. En definitiva, Xosé Fontenla Leal foi un benfeitor das nosas letras e galeguista convicto.