Limiar

Limiar

Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal...

mércores, 31 de outubro de 2018

O Samaín nos recreos literarios



Os recreos literarios son xa todo un clásico dentro das actividades da nosa Biblioteca. Levamos unha decena de anos realizando estas reunións lectoras e, a verdade, sempre cunha resposta destacábel entre o alumnado. Cómpre dicir, claro está, que este é preferentemente da ESO. Os do primeiro curso, acabados de chegar ao centro, son en moitas ocasións os máis receptivos, se ben o noso propósito radica en tentar fidelizar esa rapazada co fin de que os recreos literarios se poidan ver prolongados durante toda a súa vida escolar no instituto. Somos tamén conscientes de que isto non é tarefa sinxela, pero é o noso reto. Alén diso, non debemos esquecer que se trata dunha actividade formativa que lles (nos) achega un enorme desfrute e, sobre todo, unha apertura de miras e mundos que, dalgún xeito, talvez nos faga un pouquiño mellores e quen sabe se máis sabios. 




 






















































Maquetismo ideado cos libros recomendados



 
plano xeral dalgunhas destas maquetas

No pasado curso escolar, 2017-2018, a creatividade do alumnado rebordaba até límites insospeitados. Os libros de lectura recomendados para os grupos da ESO, en lingua española, deron lugar á elaboración de fermosísimas maquetas, algunha delas verdadeiras obras de arte, que estiveron expostas ao longo de todo o ano, para delicia e admiración de toda a comunidade escolar. A profesora Raquel Ramilo, do departamento de Lingua Española e Literatura, e membro do equipo desta Biblioteca, foi a causante desta feliz iniciativa, acerca da cal deixamos aquí esta escolla fotográfica para que xulguedes por vós mesmos. 

 
"El niño con el pijama de rayas", de John Boyne

"Nunca seré tu héroe", de María Menéndez Ponte


"Nunca seré tu héroe", de María Menéndez Ponte

"Héroe a mi pesar", de María Menéndez Ponte

"La tuneladora", de Fernando Lalana


"Palabras envenenadas", de Maite Carranza

"La tuneladora", de Fernando Lalana

"Las lágrimas de Shiva", de César Mallorquí


luns, 18 de decembro de 2017

Recreos Literarios




Os Recreos Literarios son xa un clásico dentro do programa da nosa biblioteca. Nove anos consecutivos avalan o que estamos a afirmar. Durante o curso pasado (2016-2017) foron realizados seis recreos literarios, cuxas reunións tiveron unha periodicidade de unha ou dúas veces por mes, durante os dous recreos do día escollido. A colaboración coa comunidade escolar é fundamental para que poidan ser levados a cabo. Tanto nos textos escollidos como na lectura en voz alta, dita colaboración é básica. Profesorado e alumnado son actores a partes iguais neste exercicio. Así pois, durante a primeira avaliación no curso pasado, o medo foi o tema escollido. Seis contos populares, acompañados de cadansúa ilustración, fixeron parte desta actividade anual. 

 Agora, xa neste curso 2017-2018, novamente o medo ocupou os nosos recreos literarios de cada quinta-feira (xoves) deste primeiro trimestre. Os nosos clásicos, con Rafael Dieste —"Sobre da morte do Bieito", "Espanto de nenos e "O neno suicida"— e Vicente Risco —"O lobo do home"—, un grande descoñecido, como é o caso do médico e humanista, Roberto Nóvoa Santos —"A santa compaña"— ou un conto do noso profesor e tamén escritor, Henrique Dacosta —"A batalla das Medorras"— foron o motivo para a lectura nos nosos Recreos Literarios. Contaron coa animación dun importante número de alumnos que, agardamos, continúen co mesmo entusiasmo polo menos para o seguinte trimestre, agora cunha nova temática.  

Limiar



Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal como cabería esperar. Con todo, non é o ánimo o que nos falta, por máis que poida parecer o contrario. Mais problemas relacionados coa posta en funcionamento, catalogación de libros, creación de Recreos Literarios e demais teñen conseguido ralentizar un pouquiño máis da conta o inicio deste noso blog, ao cal pretendemos dedicarlle a partir de agora unha maior atención. 

En fin, vaia desde aquí este noso saúdo cordial. Con desexos de moitas e felices lecturas a partir deste instante. 

Ah! E non deixedes de nos facer as vosas suxestións.