Limiar

Limiar

Principiemos por entoar un mea culpa, conscientes de activarmos este noso blog case co inicio dun novo ano, e non dun novo curso, tal...

mércores, 7 de xuño de 2023

Día das Letras Galegas 2022: Florencio Delgado Gurriarán

 

(maio de 2022)

Neste ano 2022, o poeta valdeorrés, Florencio Delgado Gurriarán, foi o homenaxeado no Día das Letras Galegas. Nacido en Córgomo, Vilamartín de Valdeorras, a súa poesía trata sobre a paisaxe comarcal, o mundo do viño, con poemas de xénese báquica, con composicións de xorne vangardista, hilozoísta sobre todo, pero tamén con outras de raíz máis social. O exilio americano, México concretamente, facilitará que poida traballar a prol de Galiza coa liberdade que na terra faltaba. 


Velaquí a mostra da nosa tradicional exposición con libros do propio autor e outros que glosan a súa obra desde diversas ópticas. 



Tal como acostumamos, o alumnado tivo que responder a un cuestionario sobre preguntas relativas ao autor motivo do Día das Letras, tanto da nosa exposición particular como da pendurada no corredor da planta baixa do centro. 



Día Internacional da Muller

(8 de marzo de 2022)


Un ano máis celebramos o Día Internacional da Muller na nosa biblioteca cunha pequena exposición de libros e publicacións xerais acerca desta efeméride. Así mesmo, botamos man duha serie de notas sobre o significado desta afamada xornada. 





Día de Rosalía

 

(Día de Rosalía 2022)

O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis sinaladas do calendario cultural galego. Unha data que até agora, e ante o descoñecemento do día exacto do nacemento da poeta, celebrábase o 24 de febreiro, día en que recibiu o bautismo. Esta efeméride adiántase un día, ao 23 de febreiro, tras a aparición de nova documentación que desvela a súa data real de nacemento.

Foi a investigadora galega Sagrario Abelleira quen revelou unha nova documentación que acredita a data de nacemento real nese día, e dá a coñecer ademais datos inéditos sobre a vida da nosa autora máis recoñecida e da do seu home, Manuel Murguía. Toda esta información quedou recollida na publicación Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858).






Día das Letras Galegas : Ricardo Carvalho Calero (2020) / Xela Arias (2021)

 

(maio 2021)

O Día das Letras Galegas foi instituído pola Real Academia Galega o 17 de maio de 1963. O labor inestimábel de Francisco Fernández del Riego, verdadeira alma máter na materilización desta data celebrativa, chegou ao 2020 con Ricardo Carvalho Calero como figura homenaxeada. Desgrazadamente, a pandemia eclipsou nunha gran medida a celebración da figura deste enorme polígrafo das nosas letras. 



 
Xa en 2021, foi o ano de Xela Arias, o cal puido ser celebrado con normalidade, unha vez superado o peor da pandemia (Covid-19). Velaquí algunhas fotografías máis pertencentes á exposición que realizamos no vestíbulo do centro. 



Como é costume no noso instituto, tamén este ano realizamos un cuestionario sobre a exposición. O alumnado tivo que responder a unha serie de preguntas relativas ás biografías do e da homenaxeada que posteriormente foron avaliadas polo profesorado correspondente.






martes, 6 de xuño de 2023

Día Internacional da Muller


(marzo 2020)

O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade, é xornada recoñecida nalgúns países. Tradicionalmente, grupos e asociacións de mulleres militantes no feminismo ou no movemento obreiro preparan manifestacións, por veces utilizando o nome orixinal, por todo o mundo, para facer ver as súas reinvindicacións co fin de mellorar as condicións da muller, festexar os avances e loitar pola superación dos atrancos. Comezou a ser celebrado pola ONU en 1975 para, finalmente, adoptar unha resolución, en 1977, na que establece un Día das Nacións Unidas para os Dereitos das Mulleres e a Paz Internacional.

Velaquí algunhas mulleres de noso de cuxo esforzo debemos de sentir orgullo. 






Día da Non Violencia e a Paz / Día do Holocausto


xaneiro 2020

(xaneiro 2020)


Cada 30 de xaneiro celébrase nos centros escolares o Día Escolar da Non Violencia e a Paz. O motivo desta data ten que ver coa morte do líder indio e pacifista Mahatma Ghandi. O poeta mallorquín Llorenç Vidal foi o artífice do comezo desta celebración, instaurada en España a partir do ano 1964. De modo que, cando en 1998 a ONU proclamou o Decenio Internacional para unha Cultura da Paz (2001-2010) o DENEP levaba xa 36 años practicándose en centros educativos dos diferentes niveis de todo o mundo.

Así mesmo, cada ano, e de arredor do 27 deste mesmo mes de xaneiro, a UNESCO rende tributo á memoria das vítimas do Holocausto e ratifica o seu compromiso de loitar contra o antisemitismo, o racismo e toda outra forma de intolerancia que poida conducir a actos violentos contra determinados grupos humanos. O 27 de xaneiro conmemórase a liberación en 1945 polas tropas soviéticas do campo de concentración e exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau. Esa data foi oficialmente proclamada, en novembro de 2005, Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto.

Velaquí algunhas das fotografías que ilustran a exposición que levamos a cabo na Biblioteca.


Máis fotografías...





martes, 9 de febreiro de 2021

Eu, un pirata moderno

 


Os meus compañeiros e mais eu tirabamos das cordas para izar as velas. Tiña o corazón a cen por hora. Esta era a miña primeira vez nunha nave tan importante como aquela. Aquí só estaban os mellores piratas do mundo, os xefes dos sete mares. Todos eles eran fortes e tiñan parches nos ollos ou patas de pau. Eu non era así, non era forte e tiña os dous ollos e as dúas pernas. Sendo sincero, non sabía por que estaba alí, só que recibira unha invitación do capitán para formar parte da súa tripulación. Estaba decidido a pescudar a causa da súa invitación. Non eran as miñas habilidades nin a miña experiencia a razón.

 

Pasaron os días entre os bambeos do barco no mar ata que unha mañá escoitamos un berro:

—Terra á vista! Terra á vista!

Corremos cara á proa do barco e alí estaba: unha fermosa masa verde de terra.

Cando chegamos preto da costa, baixamos nas balsas á praia. Aínda que descoñecía o meu papel no equipo, compartía a emoción dos meus compañeiros. O tesouro tiña que estar preto. Entón produciuse outro berro, pero esta vez os demais non podían escoitalo.

—A cear! —dixo a voz da miña nai.

—Xa vou! —contestei-.

Cunha gran dor, pechei o libro e coloqueino no estante. Seguía coa intriga de saber por que o invitara ao barco e, aínda que eu non era o pirata, sentíame como se o fose. Como se eu fose unha especie de pirata moderno.

 


                                                                         Ángela Monteagudo León